luns, 22 de decembro de 2014

Concerto de Fin de Ano

O vindeiro domingo 28 de decembro tedes unha cita no Pazo da Cultura de Narón co concerto máis tradicional da A.C.M. "Sementeira", co que despedimos o ano compartindo a nosa mellor música convosco.

Seguindo o ritual como adoita acontecer, abrirá o concerto a Banda Infantil Sementeira, que ás ordes do mestre Eusebio López Egea faranos sentir moi orgullosos dos seus logros e desexando que os rapaces medren para poder incorporalos á "banda grande".

Logo disto será o turno dos maiores, o que sempre é o prato forte e pon os dentes longos aos cativos da "bandita", a actuación da Xove Banda de Narón. Francisco Sanramón Calvo dirixirá a unha formación que vén de revalidar por terceira vez un terceiro posto no Certame Galego de Bandas, e que ofrecerá un programa que abarca dende as obras do certame que tanto nos acompañaron estes últimos meses ata a estrea absoluta dun novo pasodobre adicado á banda, pasando por algunha peza case "mítica" da música galega e moitas cousas máis...

Agardamos a vosa presenza, que temos sitio abondo para todos vós!


Lembrade:

Banda Infantil Sementeira
Xove Banda de Narón

Domingo 28 de decembro, ás 19 horas do serán
Pazo da Cultura de Narón  - Prezo: 2€

mércores, 26 de novembro de 2014

A Xove Banda de Narón no ciclo "Música no camiño"

Praza da Inmaculada. Porta de acibechería
O vindeiro domingo día 30 de novembro a Xove Banda de Narón ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela, no marco do ciclo "Música no camiño" desenvolto pola dirección de Turismo da Xunta de Galicia, o Xacobeo e a Federación Galega de Bandas de Música.

Unha das primeiras actuacións do ciclo Música no Camiño
A banda interpretará un programa de música galega na praza da Inmaculada (diante da porta de acibechería da catedral compostelá) sobre as 13 horas do mediodía (ao remate da misa do peregrino) como agasallo aos turistas e a quenes finalizaron o camiño de Santiago. Se o tempo non o permite, o concerto terá lugar a cuberto, dentro do Mosteiro de San Martiño Pinario.

Sairá o autobús para os músicos do Pazo da Cultura de Narón ás 10:15 da mañá, o regreso está previsto para pola tarde, despois do xantar. Prégase coma sempre a maior asistencia e puntualidade posibles.

LEMBRADE, que dende este sábado os ensaios volven a ser no Pazo da Cultura, como vén sendo habitual. É moi importante asistir aos poucos ensaios que faltan deste ano, pois hai que preparar o programa do domingo e tamén algo especial para o esperadísmo Concerto de Fin de Ano, que xa podemos adiantar que será o domingo 28 de decembro...

luns, 17 de novembro de 2014

Novembro non remata co certame.

Aínda seguimos coa resaca do VIII Certame Galego de Bandas de Música, pero o show debe continuar. Temos unha axenda relativamente completa para rematar este ano.


  • O sábado 22, Santa Icía, temos reunión de músicos ás 10:30 e ensaio ás 11 no auditorio. Pero ademáis, CEA pola noite en Casa Juanito. A lista para apuntarvos segue cologada no auditorio. Rógase máxima asistencia, que hai moito que ensaiar pola mañá e moito que festexar pola noite.

A Xove Banda de Narón na Picota (2012)
Xove Banda de Narón no Couto (2012)

  • O domingo 23, Día de Narón, actuaremos ás 18 horas na XXIII edición do ciclo "Tempo de Música" que organiza a A.VV. do Couto no Local Social da Picota, onde compartiremos escenario cos anfitrións da Coral "Amistad" do Couto.

  • O domingo 30 de novembro voltaremos a Santiago de Compostela, esta vez dentro do ciclo de concertos "Música no camiño" que se desenrolará ás 13 horas (ao remate da misa do peregrino) na Praza da Inmaculada (porta Norte da Catedral, Acibechería).

sábado, 8 de novembro de 2014

VIII Certame Galego de Bandas de Música da FGBMP

O vindeiro domingo 16 de novembro a Xove Banda de Narón participará na sección segunda do VIII Certame Galego de Bandas de música organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Está prevista a nosa actuación na Sala Brage ás 18:10 h. do serán. 




Prmieira participación no certame da Xove Banda de Narón (2008)

Programa

Narón, Terra de Trasancos 
pasodobre (Miguel Brotóns Pérez, 2006) 
Aires do Norte
obra obrigada da sección segunda (Jaime Ismael Enguídanos Royo, 2013) 
Solemnitas 
obra libre (Franco Cesarini, 2002) 

Información importante para os músicos (e familiares): 
  • É obrigatorio ir provistos do D.N.I. 
  • Saída do bus dende o auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia, ás 14:30 horas. 
  • Quenes vaian pola súa conta deberán estar no Auditorio de Galicia (Burgo das Nacións, Santiago de Compostela) ás 16:15 horas. 
  • Cronoloxía (puntuable): 
    • 17:00 horas: Entrada ao auditorio 
    • 17:15 horas: Box 6 (camerino): Montar instrumentos, vestirse e proveerse de todo o necesario para tocar. Último contacto "co exterior" (un membro da directiva). 15 MINUTOS 
    • 17:30 horas: Control de firmas. Sala Mozart. Afinación, quencemento e concentración. 30 MINUTOS 
    • 18:00 horas: Entrada e colocación no escenario da Sala Brage. 10 MINUTOS 
    • 18:10 horas: Actuación. 40 MINUTOS. 
    • 18:50 horas: Saída do escenario. 
    • 18:55 horas: Recoller no Box 6. 10 MINUTOS 
    • 19:05 horas: Saída 
  • A lectura do veredicto do xurado está prevista inicialmente para as 22:30 horas da noite (despois de rematar a sección primeira). 
ÚLTIMOS ENSAIOS: 
  • Venres 14, ás 21 horas: Ensaio Xeral. Prégase a máxima asistencia. 
  • Sábado 15, ás 11 horas: Último repaso, puntos conflictivos, recordatorio de protocolo... 

Ánimo, só queda unha semana de esforzo.

sábado, 13 de setembro de 2014

Actuación en Bastavales (Brión)

Mañá domingo 14 de setembro, a Xove Banda de Narón realizará unha actuación (pequenos concertos e procesión) nas festas da parroquia de Bastavales, Concello de Brión (A Coruña). O autobús sairá do Auditorio Municipal de Narón (Praza de Galicia) ás 8:00 da mañá. O regreso está previsto pola tarde, despois do xantar.

Rógase a maior asistencia e puntualidade posibles.

sábado, 15 de marzo de 2014

A Xove Banda de Narón no programa LUAR da TVG

O vindeiro venres, 21 de marzo, a Xove Banda de Narón viaxará ata os estudios da Televisión de Galicia, en Santiago de Compostela para actuar no programa LUAR, que se emite esa noite en directo.
Non é a primeira vez que a banda visita o programa, e para esta ocasión escolleuse o pasodobre galego "Reloucar", do mestre coruñés Ricardo Dorado Janeiro.

Sairá o autobús do Pazo da Cultura ás 17:30 horas.

luns, 10 de marzo de 2014

Repertorio Semana Santa 2014

Cando falta pouco máis dun mes, xa está decidido o repertorio de marchas de procesión que imos interpretar este ano:

  • Mektub (Mariano San Miguel)
  • Jerusalem (José Vélez García)
  • Saeta (Joan Manuel Serrat)
  • Pescador de Hombres (Cesáreo Gabaraín)
  • Caridad del Guadalquivir (Paco Lola)

O vindeiro sábado faremos o ensaio xa desfilando, así que preparade ben os papeis e non esquezades vir cos vosos atriles de man.

luns, 6 de xaneiro de 2014

A Xove Banda de Narón na Semana Santa de Ferrol 2014

Non deixamos os desfiles, despois da experiencia cos Magos de Oriente, o vindeiro mes de abril participaremos na Semana Santa Ferrolá acompañando coa nosa música a dous dos desfiles procesionais da Confradía das Dores. Se a chuvia o permite, claro está.
  • Xoves 17 de abril. 
Procesión do Cristo da Misericordia e a Virxe da Piedade: Saída ás 23 horas da Praza de Amboaxe. Percorrido polas rúas do centro acompañando ao trono da "Oración na horta das oliveiras".

No Encontro do 2009. Xa choveu... ademais dese día.
  •  Venres 18 de abril.
Procesión da Virxe da Dores & Santo Encontro: Saída ás 11:45 da Praza de Amboaxe. Encontro na Praza de Armas e regreso, acompañando ao trono da "Santa Verónica".

domingo, 29 de decembro de 2013

Xa veñen os reis... Cabalgata o 5 de xaneiro

O vindeiro domingo 5 de xaneiro, a Xove Banda de Narón fará a súa primeira actuación do ano 2014 acompañando ás súas maxestades de oriente no seu percorrido por Narón.
A cabalgata partirá ás 16 horas da Praza do Antigo Concello, en Xuvia, discurrindo pola Estrada de Castela rumbo á Praza de Galicia. Haberá que estar alí ás 15:45.

Máis información na web de Turismo de Narón.

domingo, 17 de novembro de 2013

Eh, temos cea o sábado!
Xa o saberedes todos, pero hai que estar ás 21.30 na parrillada do Couto.

A lista eu creo que está cerrada, pero si aínda non o sabiades, chamade á directiva canto antes!!

E ao día seguinte tedes que estar todos enteiros, que temos que tocar en O Couto, coma tódolos anos. Un saudiño!

xoves, 5 de setembro de 2013

Libramos o sábado!!

Ladies and gentlemen, despois dun alegre agosto con Illas Cíes e eventos futbolísticos de elevado nivel hai que volver ao choio. Mais non será este sábado, pois acaba de chegar un comunicado da directiva en correo aéreo certificado cunha foto de Paco tomando daiquiris no Caribe tropical e que di que non empezamos ata o día 14 de setembro, que nos quere moito e algo relacionado con praia e piñas coladas que non termino de entender.

Así que portádevos ben, meus reis, e descansade moito o sábado 7 para ir a tope óctuple no próximo ensaio. Biquiños.

xoves, 8 de agosto de 2013

Torneo de balompé

Bomba!
 Un movimiento sexy...
Agora que estamos de vacacións non vos durmades! Precisamos a vosa axuda. 

No ano 1993 a Asociación Cultural e Musical...bla, bla, bla... estamos de aniversario! E fai algún tempo, falando de cómo festexalo xurdiu a idea de facer un campeonato de balompé. Agora que estamos en vacacións semella o mellor momento para facelo.

Precisamos a vosa axuda. Cómpre atopar unha data/lugar axeitados e organizalo todo... 
O prioritario é saber cantos estariades interesados, para facer equipos e todo iso. Precisamos que comentedes coas vosas ideas e opinións. Aínda que podedes usar as redes sociais (facebook, twitter) para iso, é mellor centrar os comentarios nun lugar para non tolear.... propoñemos comentar aquí para que se poidan expresar tamén os que non teñen perfil en redes sociais. 

Agardamos e agradecemos a vosa colaboración, confiando en que esteades desfrutando moito das vacacións.

luns, 5 de agosto de 2013

Vacacións

No Alto do Príncipe (Illas Cíes). Foto de Antón Casal Rodríguez 
Trala viaxe de onte ás Illas Cíes é tempo para o descanso e recuperar forzas. Retomaremos os ensaios da nova tempada o sábado 7 de setembro, no Pazo da Cultura de Narón.
Non vos despistedes, pois a primeira actuación é ao sábado seguinte, o 14 de setembro en San Xiao de Narón.

venres, 19 de xullo de 2013

Illas Cíes

A estas alturas seguro que xa o sabedes, perooo... Imos ir ás Illas Cíes a unha pequena excursión. O domingo día 4. Se queredes vir tedes que confirmalo canto antes porque os xefes están intentando cerrar a lista do catamarán que nos leve ata alí. Se alguén quere vir chamade sen problema, pero canto antes por favor. Tedes que dar o nome, DNI e idade. O número é 699 45 82 67 ou senon vía email (bandasementeira@hotmail.com). Un saúdo!

sábado, 25 de maio de 2013

A Pregunta

Bo día, chavales.

Desafortunadamente non houbo moitos asistentes ao ensaio de hoxe. E é unha pena, porque hoxe os xefes querían facer A Pregunta.

A pregunta, importante como poucas é se queremos participar no VII Certame Galego de Bandas. E o mellor sería que fóran cantos máis, mellor por se teredes algo que dicir. Se vos apetece, se non vos apetece... Ademais diso tamén é bo para saber con cantos músicos poderíamos contar para o asunto.

O Certame sería os días 16 e 17 de Novembro do 2013, auditorio de Galicia, en Saint-James de Compostelle.

O plazo para decidirse é o 3 de xuño, así que avisade se podemos contar con algún de vos que non vaia vir ao ensaio da vindeira semana.

Besitos.

luns, 22 de abril de 2013

Libramos o sábado!

Ei, ei. Non hai ensaio este sábado. O Pazo estará ocupado, así que non temos onde ensaiar. Portádevos ben e vémonos o seguinte sábado.

luns, 8 de abril de 2013

XX

XX ademais de unha cervexa mexicana (creo) son as dúas letras que van antes das palabras Aniversario da Asociación Cultural e Musical Sementeira! (A asociación asume no ano 1993, etc etc)

Así que este verán temos que facer unha celebración á altura das circunstancias! Ainda que os meus espías informáronme de que a directiva xa está pensando un plan de celebración abrimos este tema de discusión para que podades suxerir calquera idea que vos pareza oportuna.

Falaron dun partido de fútbol músicos contra directivos, e logo unha comida... Podemos facer algo parecido a cando fumos a Pedroso... Hala, hala, deixade correr a imaxinación e falade, meus reis. Unha aperta!

luns, 11 de marzo de 2013

Novas

Damas e cabaleiros, hai novas novas. Mmmmm. Domingo concerto na pombiña, en Pedroso. E temos que estar no Pazo ás 17.45 ou ben no lugar do concerto ás 18.15 ou ben primeiro nun e logo no seguinte.

E un pequeno inciso, o concerto en Padrón é o día 7, non o 9. Principalmente porque o 9 é martes. Domingo 7 a tope.

mércores, 6 de marzo de 2013

Festival de bandas en Padrón

Boas, feliz aninovo. Ehhh.. O día 9 de abril (domingo) temos festival de bandas, en Padrón, ás 18.00

Van ir as bandas de Betanzos , XBN -tamén coñecida como a banda dos guapos- e Padrón. Iso é todo o que eu sei. O sábado xa dirán o resto de cousas. Un saudiño

domingo, 2 de decembro de 2012

Noticias para todos

Boas. Teño noticias diversas.

A primeira:
- Next sábado non hai ensaio por ser día 8 de Nadal... San Constitución ou Santa Inma; non o sei. O Pazo (e probablemente A Criba) estará pechado así que ante esta situación desesperada o ensaio trasladarase para o día Venres 7 de Nadal ás 11 da mañá para facer o ensaio.

- Mais cousiñas. O día luns 17 de Nadal temos outro ensaio extraordinario ás 22:00, ensaio nocturno xa cos cantantes da Mississippi Mass Choir

- O día seguinte, o 18 martes de Nadal xa sera a proba de son e pirotecnia e malabares no salón de actos do pazo para o concerto de despois... pois o concerto

http://www.youtube.com/watch?v=XgJ-As1kXio

Supoño que todos xa saberedes de que vai isto, pero ahí tedes unha dosis de gospel

- E o día 29 seica é o concerto de fin de ano, mais non sei nada mais. Nin hora nin ensaios nin nada de nada. Despexade a axenda para ese día. Un saudiño a todos.