luns, 22 de decembro de 2014

Concerto de Fin de Ano

O vindeiro domingo 28 de decembro tedes unha cita no Pazo da Cultura de Narón co concerto máis tradicional da A.C.M. "Sementeira", co que despedimos o ano compartindo a nosa mellor música convosco.

Seguindo o ritual como adoita acontecer, abrirá o concerto a Banda Infantil Sementeira, que ás ordes do mestre Eusebio López Egea faranos sentir moi orgullosos dos seus logros e desexando que os rapaces medren para poder incorporalos á "banda grande".

Logo disto será o turno dos maiores, o que sempre é o prato forte e pon os dentes longos aos cativos da "bandita", a actuación da Xove Banda de Narón. Francisco Sanramón Calvo dirixirá a unha formación que vén de revalidar por terceira vez un terceiro posto no Certame Galego de Bandas, e que ofrecerá un programa que abarca dende as obras do certame que tanto nos acompañaron estes últimos meses ata a estrea absoluta dun novo pasodobre adicado á banda, pasando por algunha peza case "mítica" da música galega e moitas cousas máis...

Agardamos a vosa presenza, que temos sitio abondo para todos vós!


Lembrade:

Banda Infantil Sementeira
Xove Banda de Narón

Domingo 28 de decembro, ás 19 horas do serán
Pazo da Cultura de Narón  - Prezo: 2€