luns, 22 de decembro de 2014

Concerto de Fin de Ano

O vindeiro domingo 28 de decembro tedes unha cita no Pazo da Cultura de Narón co concerto máis tradicional da A.C.M. "Sementeira", co que despedimos o ano compartindo a nosa mellor música convosco.

Seguindo o ritual como adoita acontecer, abrirá o concerto a Banda Infantil Sementeira, que ás ordes do mestre Eusebio López Egea faranos sentir moi orgullosos dos seus logros e desexando que os rapaces medren para poder incorporalos á "banda grande".

Logo disto será o turno dos maiores, o que sempre é o prato forte e pon os dentes longos aos cativos da "bandita", a actuación da Xove Banda de Narón. Francisco Sanramón Calvo dirixirá a unha formación que vén de revalidar por terceira vez un terceiro posto no Certame Galego de Bandas, e que ofrecerá un programa que abarca dende as obras do certame que tanto nos acompañaron estes últimos meses ata a estrea absoluta dun novo pasodobre adicado á banda, pasando por algunha peza case "mítica" da música galega e moitas cousas máis...

Agardamos a vosa presenza, que temos sitio abondo para todos vós!


Lembrade:

Banda Infantil Sementeira
Xove Banda de Narón

Domingo 28 de decembro, ás 19 horas do serán
Pazo da Cultura de Narón  - Prezo: 2€

mércores, 26 de novembro de 2014

A Xove Banda de Narón no ciclo "Música no camiño"

Praza da Inmaculada. Porta de acibechería
O vindeiro domingo día 30 de novembro a Xove Banda de Narón ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela, no marco do ciclo "Música no camiño" desenvolto pola dirección de Turismo da Xunta de Galicia, o Xacobeo e a Federación Galega de Bandas de Música.

Unha das primeiras actuacións do ciclo Música no Camiño
A banda interpretará un programa de música galega na praza da Inmaculada (diante da porta de acibechería da catedral compostelá) sobre as 13 horas do mediodía (ao remate da misa do peregrino) como agasallo aos turistas e a quenes finalizaron o camiño de Santiago. Se o tempo non o permite, o concerto terá lugar a cuberto, dentro do Mosteiro de San Martiño Pinario.

Sairá o autobús para os músicos do Pazo da Cultura de Narón ás 10:15 da mañá, o regreso está previsto para pola tarde, despois do xantar. Prégase coma sempre a maior asistencia e puntualidade posibles.

LEMBRADE, que dende este sábado os ensaios volven a ser no Pazo da Cultura, como vén sendo habitual. É moi importante asistir aos poucos ensaios que faltan deste ano, pois hai que preparar o programa do domingo e tamén algo especial para o esperadísmo Concerto de Fin de Ano, que xa podemos adiantar que será o domingo 28 de decembro...

luns, 17 de novembro de 2014

Novembro non remata co certame.

Aínda seguimos coa resaca do VIII Certame Galego de Bandas de Música, pero o show debe continuar. Temos unha axenda relativamente completa para rematar este ano.


  • O sábado 22, Santa Icía, temos reunión de músicos ás 10:30 e ensaio ás 11 no auditorio. Pero ademáis, CEA pola noite en Casa Juanito. A lista para apuntarvos segue cologada no auditorio. Rógase máxima asistencia, que hai moito que ensaiar pola mañá e moito que festexar pola noite.

A Xove Banda de Narón na Picota (2012)
Xove Banda de Narón no Couto (2012)

  • O domingo 23, Día de Narón, actuaremos ás 18 horas na XXIII edición do ciclo "Tempo de Música" que organiza a A.VV. do Couto no Local Social da Picota, onde compartiremos escenario cos anfitrións da Coral "Amistad" do Couto.

  • O domingo 30 de novembro voltaremos a Santiago de Compostela, esta vez dentro do ciclo de concertos "Música no camiño" que se desenrolará ás 13 horas (ao remate da misa do peregrino) na Praza da Inmaculada (porta Norte da Catedral, Acibechería).

sábado, 8 de novembro de 2014

VIII Certame Galego de Bandas de Música da FGBMP

O vindeiro domingo 16 de novembro a Xove Banda de Narón participará na sección segunda do VIII Certame Galego de Bandas de música organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Está prevista a nosa actuación na Sala Brage ás 18:10 h. do serán. 




Prmieira participación no certame da Xove Banda de Narón (2008)

Programa

Narón, Terra de Trasancos 
pasodobre (Miguel Brotóns Pérez, 2006) 
Aires do Norte
obra obrigada da sección segunda (Jaime Ismael Enguídanos Royo, 2013) 
Solemnitas 
obra libre (Franco Cesarini, 2002) 

Información importante para os músicos (e familiares): 
  • É obrigatorio ir provistos do D.N.I. 
  • Saída do bus dende o auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia, ás 14:30 horas. 
  • Quenes vaian pola súa conta deberán estar no Auditorio de Galicia (Burgo das Nacións, Santiago de Compostela) ás 16:15 horas. 
  • Cronoloxía (puntuable): 
    • 17:00 horas: Entrada ao auditorio 
    • 17:15 horas: Box 6 (camerino): Montar instrumentos, vestirse e proveerse de todo o necesario para tocar. Último contacto "co exterior" (un membro da directiva). 15 MINUTOS 
    • 17:30 horas: Control de firmas. Sala Mozart. Afinación, quencemento e concentración. 30 MINUTOS 
    • 18:00 horas: Entrada e colocación no escenario da Sala Brage. 10 MINUTOS 
    • 18:10 horas: Actuación. 40 MINUTOS. 
    • 18:50 horas: Saída do escenario. 
    • 18:55 horas: Recoller no Box 6. 10 MINUTOS 
    • 19:05 horas: Saída 
  • A lectura do veredicto do xurado está prevista inicialmente para as 22:30 horas da noite (despois de rematar a sección primeira). 
ÚLTIMOS ENSAIOS: 
  • Venres 14, ás 21 horas: Ensaio Xeral. Prégase a máxima asistencia. 
  • Sábado 15, ás 11 horas: Último repaso, puntos conflictivos, recordatorio de protocolo... 

Ánimo, só queda unha semana de esforzo.

sábado, 13 de setembro de 2014

Actuación en Bastavales (Brión)

Mañá domingo 14 de setembro, a Xove Banda de Narón realizará unha actuación (pequenos concertos e procesión) nas festas da parroquia de Bastavales, Concello de Brión (A Coruña). O autobús sairá do Auditorio Municipal de Narón (Praza de Galicia) ás 8:00 da mañá. O regreso está previsto pola tarde, despois do xantar.

Rógase a maior asistencia e puntualidade posibles.

sábado, 15 de marzo de 2014

A Xove Banda de Narón no programa LUAR da TVG

O vindeiro venres, 21 de marzo, a Xove Banda de Narón viaxará ata os estudios da Televisión de Galicia, en Santiago de Compostela para actuar no programa LUAR, que se emite esa noite en directo.
Non é a primeira vez que a banda visita o programa, e para esta ocasión escolleuse o pasodobre galego "Reloucar", do mestre coruñés Ricardo Dorado Janeiro.

Sairá o autobús do Pazo da Cultura ás 17:30 horas.

luns, 10 de marzo de 2014

Repertorio Semana Santa 2014

Cando falta pouco máis dun mes, xa está decidido o repertorio de marchas de procesión que imos interpretar este ano:

  • Mektub (Mariano San Miguel)
  • Jerusalem (José Vélez García)
  • Saeta (Joan Manuel Serrat)
  • Pescador de Hombres (Cesáreo Gabaraín)
  • Caridad del Guadalquivir (Paco Lola)

O vindeiro sábado faremos o ensaio xa desfilando, así que preparade ben os papeis e non esquezades vir cos vosos atriles de man.

luns, 6 de xaneiro de 2014

A Xove Banda de Narón na Semana Santa de Ferrol 2014

Non deixamos os desfiles, despois da experiencia cos Magos de Oriente, o vindeiro mes de abril participaremos na Semana Santa Ferrolá acompañando coa nosa música a dous dos desfiles procesionais da Confradía das Dores. Se a chuvia o permite, claro está.
  • Xoves 17 de abril. 
Procesión do Cristo da Misericordia e a Virxe da Piedade: Saída ás 23 horas da Praza de Amboaxe. Percorrido polas rúas do centro acompañando ao trono da "Oración na horta das oliveiras".

No Encontro do 2009. Xa choveu... ademais dese día.
  •  Venres 18 de abril.
Procesión da Virxe da Dores & Santo Encontro: Saída ás 11:45 da Praza de Amboaxe. Encontro na Praza de Armas e regreso, acompañando ao trono da "Santa Verónica".

Arquivo do blog